Tuesday 21 de May de 2024

Cariño pide a colaboración cidadá para crear un servizo de apoio a persoas en situación de vulnerabilidade


Unha das medidas é a creación dunha rede de establecementos do municipio que leven a cabo venda a domicilio de alimentos e artigos de primeira necesidade.

Para loitar contra un dos efectos secundarios das medidas aplicadas polas autoridades sanitarias para conter a expansión do coronavirus, o Concello de Cariño decidiu facer un chamamento á colaboración cidadá co obxectivo de crear un servizo de apoio a persoas en situación de vulnerabilidade do municipio.
O obxectivo é crear unha rede de establecementos colaboradores mediante a que poder levar alimentos e produtos de primeira necesidade aos domicilios destas persoas maiores, sen familia e/ou redes de apoio social. Os negocios dispostos a sumarse a este proxecto de venda a domicilio diaria mediada polo Concello deberán chamar ao teléfono 650 477 503 para darse de alta.
Ademais, desde o goberno local queren chegar á totalidade da poboación que poida atoparse actualmente nese estado de desamparo ou vulnerabilidade. Por iso, solicita aos veciños e veciñas de Cariño que se poñan en contacto co Concello se coñecen novos casos de persoas que, debido á crise xerada pola expansión do coronavirus, pasasen a estar nesta situación.
Poderán facelo nun teléfono específico habilitado para este fin (981 420 206) en horario de 9 a 13 horas, mediante mensaxes privadas na páxina oficial do Concello en Facebook ou ben a través do correo electrónico concello@concellodecarino.gal.
O alcalde, José Miguel Alonso Pumar, precisou que “a idea é que o Concello poida actuar sobre estas problemáticas e garantir o traslado dos produtos necesarios para o día a día” e lembrou que “é fundamental que os datos que acheguen os veciños pásense por privado e co máximo rigor, para manter o imprescindible anonimato das persoas afectadas”.